Páginas

lunes, 11 de febrero de 2013

Ceo azul, lagunas de cores



O noso carro
O certo é que cada vez teño menos tempo para adicarlle ao blog, pero non quero quedar sen compartir as fotos do deserto boliviano, unha extensión do deserto de Atacama. Impresionante, fabuloso, incrible, precioso...
 
Area, pedra e monte
Quilómetros e quilómetros de montañas e mesetas sen apenas vexetación entre os 4.000 e os 5.000 metros de altitude. Terra, area, pedra, neve, volcáns activos, volcáns apagados e algúns arbustos espallados ó longo de centos de quilómetros e horas de 4x4. Pagou a pena percorrer medio mundo só para ver esto.

Fixemos preto de 1.000 quilómetros entre a máis absoluta nada

A "Laguna colorada", unha marabilla da natureza

Aspecto dos pobos do deserto
Incriblemente no medio do deserto hai algunhas poboacións que viven afastadas do muno. Son pobos de mineiros que entre campaña e campaña (traballan uns meses e voltan a casa, coma os mariñeiros) residen no medio do deserto plantando quinua, pastoreando llamas e atendendo aos turistas nas súas tendas de ultramarinos e albergues. Os seus fundadores realmente tiñan que estar escapando de algo moi malo para decidiren asentarse aquí, afastados do mundo... Hoxe en día estes pobos están cheos de vida, con moreas de nenos correndo e xogando polas rúas e que vivirán coma os seus país dunha mistura entre a explotación turística (de momento asumible) e a mineiría.

Árbore de pedra

As aforas dun dos pobos onde pasamos unha noite

Unhas condicións de vida duras para os que estamos acostumados a milleiros de comodidades

Geiseres de "Sol de mañana", a case 5.000 metros de altura

Laguna verde e volcán Licancabur ao fondo. Do outro lado está Chile

A só 15 quilómetros do paso fronterizo de Chile

Area e monte, monte e area

Un dos nosos hoteis, feito con rochas de sal

Voando

Un dos volcáns activos do recorrido (fumarola no lado esquerdo)

Os picos nevados son unha constante en todo o percorrido

Unha vicuña no medio da nada
No medio do deserto só viven as vicuñas, un animaliño da familias das llamas (e dos camelos) que vive salvaxe comendo os poucos brotes que atopa no deserto. Tdo día ao sol, porque neste sitio non hai unha sombra, case sen auga, case sen comida... Resulta curioso que estes bechos vivan nestas condicións sabendo que a escasos quilómetros e un pouco menos de altura poden atopar auténticos verxeis con pasto verde e fresco... Sonche un pouco parvas... Con semellante vida a súa carne é moi seca, pero eso sí, non ten nin un gramo de grasa...

Unha das preciosas lagunas que serven de oasis

Flamencos
De cando en cando aparaece de súpeto unha laguna, un oasis. Se entre o deserto só se atopan vicuñas,  nestes lagos atópanse centos de flamencos e outra fauna. Claramente estes flamencos son os tontos da familia... En vez de emigrar a Miami coma os seus "curmáns", estes quédanse nestas condicións extremas sobrevivindo como poden. O máis curioso é que non se van nin de noite (normal, non hai moito a onde ir) e quedan na auga. O caso é que as lagunas conxélanse pola noite e atrápanles as patas, polo que son presa fácil para os raposos andinos... O dito, sonche os parvos da familia...

Coa Laguna colorada aos pés. Subir ata aquí foi unha auténtica proeza (4.250 metros)
 Unha das noites pasámola a 4.200 metros de altura, ao pé da Laguna colorada. Durmir a estas altitudes é complicado e ninguén puido descansar en condicións porque a media noite espertas coa falta de aire. Aínda por riba, a algúns ocorréusenos botar unha carreira e, como imaxinades, apenas aguantamos 50 metros e xa estabamos fundidos e abafados. Os máis valentes subimos tamén a un pequeno mirador dende o que apreciar a laguna, toda unha proeza camiñar costa arriba para salvar un desnivel duns 50 metros que pagou a pena.
Sol de mañana. Aquí plantei un pino
Para chegar aos géisers tivemos que erguernos ás 5 da mañá para chegarmos alí a eso das 6... Estes madrugóns provócanme unhas ganas tremendas de cagar, e cando as ganas apretan... pois tocou cagar de monte a 4.800 metros de altura. Quen me supera?

Termas no deserto
Meterse un baño en auga fervendo a miles de metros de altitude con estas vistas non ten prezo, de verdade.
Vexetación do deserto

Montaña das sete cores. Na foto non se aprecia ben, pero realmente é incrible a cantidade de tonos que ten esta montaña

Achegándonos a unha laguna

Lawrence de Arabia

Cumios nevados (menos do que deberían)
 Seica o cambio climático se está a notar moitísimo nesta zona. As neves perpetuas están recuando, e onde hai uns anos chegaban ata o pé da montaña, hoxe en día só cobren apenas os cumios. Lástima, porque estes cumios nevados debían ser aínda máis impresionantes do que son agora.


Outra das lagunas

Nunca imaxinei que as paisaxes bolivianas poideran ser tan fermosas e espectaculares, foi un auténtico descobremento e, se teño a oportunidade, voltarei, voltarei en época de chuvia, 3 meses durante os que a paisaxe se transforma e aparecen ríos e lagos onde agora non hai nada; 3 duros meses nos que chove e neva a diario, erosionando o entorno e transformándoo de xeito que nunca volva ser igual, aínda que o pareza... Devezo por voltar, quen se anima?